O Euromillóns deixa en Buño un premio dun millón de euros
De Coristanco chega Manolo, aínda sen saber nada: "Tocou onde? Aquí? Non sabía nada. Un millón de euros. Vaia chinazo", exclama.
Chámeselle como queira. Un millón de euros é un premiazo. O máis cuantioso que deu Miriam. "A máquina dáche un número e en toda España toca só un número", conta.
É o Millón, un xogo asociado ao Euromillóns. 3 letras e 5 números. Unha aposta de dous euros e 50 céntimos para un premio dun millón. "Caramba... Mágoa! Quen os pillara!", di unha veciña.
En Buño todos falan do mesmo. Só unha persoa levou a alegría. "Eu non teño nin un céntimo. Nada. Faime un para venres, logo", lamenta un home.
Miriam vende prensa, tabaco e papelería. Un despacho no que paran repartidores, veciños doutras vilas... O afortunado pode estar en calquera parte. "É moi boa zona para estacionar. A xente que vai de paso para. E despois tamén a xente de aquí, claro", afirma Miriam. Hai case 5 anos repartira un segundo premio da Lotaría Nacional.