CRTVG

Buscar

O Eurogrupo, listo para aplicar medidas fiscais ante o coronavirus

Publicado o 04/03/2020 16:57

As economías do euro están listas para actuar, mesmo con "medidas fiscais", asegurou hoxe o presidente do Eurogrupo, Mário Centeno, que lembrou a existencia de medidas que prevén desvíos temporais ante gastos imprevistos no Pacto de Estabilidade e Crecemento.

"As nosas regras fiscais outorgan unha flexibilidade ante eventos inusuais fóra do control do Goberno", subliñou Centeno, que compareceu en Lisboa ao termo dunha videoconferencia cos ministros de Finanzas do euro e outros de países da Unión Europea (UE) que non comparten a divisa.

O portugués explicou que a reunión foi "unha primeira oportunidade para intercambiar información". "O andazo (de coronavirus) está a ter un impacto negativo na economía global, pero a duración e extensión do problema é aínda incerta", manifestou o portugués, quen asegurou que se vixía "moi de preto a situación" e "non se aforrarán esforzos para conter a enfermidade".

Polo momento, o acordo entre os ministros foi coordinar as respostas que se dan ao andazo, ata o de agora "diferenciadas", e recorrer "a todas as ferramentas políticas apropiadas para conseguir un crecemento forte e sostible" e protexerse de eventuais riscos. Unha desas ferramentas é a das medidas fiscais "onde sexan apropiadas, xa que poden necesitarse para soster o crecemento". 

"Para ser específico", Centeno mencionou que o Pacto de Estabilidade e Crecemento inclúe unha cláusula que permite unha "desviación temporal" da senda de axuste, "preservando a sustentabilidade fiscal".

O portugués, que quixo salientar a temporalidade desta clase de medidas, instou os participantes na reunión a buscar "opcións" para ter un debate mais estruturado nas súas reunións previstas para mediados deste mes. "Iso incluirá todas as posibilidades de políticas fiscais, financeiras e estruturais", concluíu.

Noticias web

04/03/2020