CRTVG

Buscar

O Eurogrupo aproba a reforma do MEDE e adianta o cortalumes bancario

Publicado o 30/11/2020 21:16
O Eurogrupo aproba a reforma do MEDE e adianta o cortalumes bancario

Os ministros de Economía e Finanzas da eurozona deron este luns luz verde definitiva ao acordo para reformar o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) e a adiantar dous anos, a 2022, a rede de seguridade do fondo de resolución bancaria, medidas clave para sortear futuras crises. 

Ambas foran acordadas en principio en decembro de 2019, pero as reticencias de Italia á reforma do MEDE e as dúbidas dos "falcóns" fiscais sobre os riscos da banca impediron dar entón o visto e prace, e a chegada da pandemia en marzo relegou o tema a un segundo plano.  

"A reforma do MEDE reforza o euro e a todo o sector bancario europeo porque estamos a facer a eurozona aínda máis robusta fronte a ataques de especuladores. Ao mesmo tempo, adiantamos a rede de seguridade para o fondo de resolución bancaria dous anos, facendo aos bancos europeos máis resilientes e apoiando á economía real", dixo o ministro de Finanzas alemán, Olaf Scholz, tras a reunión por videoconferencia.    

O acordo aínda debe ser asinado e ratificado polos países para que o novo tratado do MEDE poida entrar en vigor en 2021, o que á súa vez permitiría á xunta de gobernadores do fondo dar os pasos para ter activa a rede de seguridade a principios de 2022.  

A reforma do tratado do MEDE, establecido por mor da crise financeira para axudar aos países en apertos, prevé darlle máis poder nos futuros rescates e na vixilancia dos países, así como mellorar as liñas de crédito precautorias que pode conceder antes de que sexa necesario o rescate total.  

A segunda pata do acordo é o cortalumes para o Fondo Único de Resolución bancaria (FUR).  O FUR é unha "hucha" creada en 2016 que se alimenta con contribucións da banca para poder financiar, chegado o caso, a resolución de bancos europeos en problemas, e ao cortalumes sería unha rede de seguridade extra por se queda sen diñeiro. 

A vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos española, Nadia Calviño, destacaba antes da reunión que se trata dun paso "importante desde o punto de vista da resiliencia e solidez da unión bancaria e, por tanto, de toda a Unión Económica e Monetaria".