CRTVG

Buscar

Europa desbloquea medio billón de euros para facer fronte á crise do coronavirus

Publicado o 09/04/2020 22:35

• O Eurogrupo pacta un texto que non contempla condicións para os países beneficiarios

• Calviño: España non vai renunciar aos "coronabonos" para mutualizar débeda

O Eurogrupo chegou este xoves a un acordo sobre un paquete de medidas económicas que mobilizará medio billón de euros en préstamos para apoiar os estados, empresas e traballadores fronte á pandemia, despois de que Holanda accedera a alixeirar as condicións de acceso ao fondo de rescate. Os ministros de Economía e Finanzas comunitarios lograron un pacto no seu segundo intento, despois de que o mércores pola mañá tiveran que suspender a reunión tras dezaseis horas por falta de consenso sobre este punto. 

O encontro, que debía comezar ás 17.00 horas, renovouse ás 21.30 horas para avaliar o borrador de compromiso elaborado tras intensos contactos bilaterais, impulsados por Francia e Alemaña, que serviron para desbloquear o enfrontamento entre Holanda e Italia a conta do fondo de rescate. O texto chegou á mesa dos Vintesete co apoio de España, Italia, Holanda, Francia e Alemaña, así como do presidente do Eurogrupo, Mário Centeno, e menos dunha hora despois recibiu o visto e prace.

Segundo fontes diplomáticas, o acordo foi posible despois de que Holanda retirara a súa esixencia de que o acceso á liña de crédito que mobilizará o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), o fondo de rescate, estea suxeita a que os países beneficiarios cumpran condicións macroeconómicas, como reformas estruturais, extremo ao que se negaban Italia e España. Madrid defendeu desde o principio da negociación que as condicións dos préstamos debían suavizarse ao máximo e en ningún caso podían consistir nas reformas estruturais ou programas de privatizacións que se esixiron cos rescates tradicionais, posto que ningún Estado é responsable da crise desatada pola pandemia.

Nas reunións bilaterais mantidas antes do encontro, a vicepresidenta terceira, Nadia Calviño, pelexou "duro" neste sentido, apuntan fontes diplomáticas. "Alcanzamos un bo acordo no Eurogrupo, cunha rede de seguridade tripla para traballadores, empresas e estados na loita contra o COVID-19. Seguiremos traballando en mecanismos comúns de financiamento para a recuperación económica", dixo Calviño en Twitter tras a reunión.

O paquete de medidas adoptadas consta de tres alicerces: unha liña de crédito do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), o fondo de rescate, con 240.000 millóns de euros en préstamos; un fondo do Banco Europeo de Investimentos con ata 200.000 millóns en créditos para empresas e un fondo temporal contra o paro con 100.000 millóns para axudas ao emprego.

Holanda e Italia saúdan o acordo do Eurogrupo

Holanda e Italia, os dous países cunhas posturas máis afastadas ao renovarse este xoves a reunión do Eurogrupo, saudaron o paquete de medidas económicas por valor de medio billón de euros que os ministros de Economía e Finanzas europeos aprobaron para responder á crise económica xerada polo coronavirus.

"Os bonos europeos puxéronse sobre a mesa, as condicións do MEDE quitáronse da mesa. Estamos a presentar unha ambiciosa resposta ao Consello Europeo (os xefes de Estado e Goberno da UE)", escribiu en Twitter o ministro italiano de Economía, Roberto Gualtieri.

O titular holandés de Finanzas, Wopke Hoekstra, considerou o acordo do Eurogrupo "un poderoso e sensato signo de solidariedade europea", aínda que insistiu en que o seu país está e seguirá en contra dos coronabonos. "Cremos que este concepto non axudará a Europa e a Holanda no longo prazo", apuntou.

O ministro francés de Economía, Bruno Lle Maire, sinalou que o pacto do Eurogrupo é "excelente" e dixo que Europa se mostra "á altura da gravidade da crise".

A ministra finlandesa de Finanzas, Katri Kulmuni cuxo país rexeita os coronabonos, afirmou na mesma rede social que a resposta "se basea en mecanismos existentes e non inclúe a emisión conxunta de débeda". "Todos os estados membros son responsables da súa propia economía", subliñou.

O vicepresidente económico da Comisión Europea, Valdis Dombrovskis, indicou que os países "volveron abrazar a arte do compromiso para que Europa mostre solidariedade" aos cidadáns e as empresas ante a pandemia.

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, declarou en Twitter que o Eurogrupo pactou "un sólido paquete de instrumentos" para responder á crise do coronavirus "cun espírito de solidariedade". "Agora preparamos o terreo para unha forte recuperación co obxectivo de relanzar as nosas economías", agregou.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, dixo que as propostas do Eurogrupo "van na dirección adecuada". "Acertamos ao confiar en Europa. Nesta batalla para a reconstrución, o Parlamento Europeo, como sempre, xogará o seu papel á hora de defender aos cidadáns europeos", comentou.

Agora serán os líderes da UE quen deberán apoiar as iniciativas nun novo cumio europeo. 

Noticias web

09/04/2020