CRTVG

Buscar

O Eurogrupo acorda activar 240.000 millóns do fondo de rescate para gastos sanitarios pola pandemia

Publicado o 08/05/2020 18:34

Os ministros de Economía e Finanzas da zona euro (Eurogrupo) alcanzaron este venres un acordo sobre as características dos préstamos do fondo europeo de rescates ( MEDE) vinculados á pandemia de COVID-19, que os gobernos poderán utilizar coa única condición de financiar gastos sanitarios directos ou indirectos. O pacto debe superar agora algúns trámites parlamentarios nacionais, nos Países Baixos ou Alemaña, por exemplo, e despois ser adoptado formalmente pola xunta de Gobernadores do Mecanismo Europeo de Estabilidade ( MEDE).

Unha vez superadas estas etapas, os gobernos da zona euro dispoñerán de ata 240.000 millóns de euros do fondo de rescates, pero cada país só poderá solicitar ata o 2% do seu PIB. No caso de España isto tradúcese nuns 24.000 millóns de euros, pero o Goberno defendeu ata o de agora que non é necesario porque segue colocando bonos en boas condicións nos mercados de débeda. " É un paso máis na boa dirección para a zona euro", escribiu na rede social Twitter a vicepresidenta económica, Nadia Calviño, que ademais garantiu que o Eurogrupo seguirá traballando "nas próximas semanas para reforzar a resposta europea á COVID-19".

Noticias web

08/05/2020