CRTVG

Buscar

O 2,2% dos galegos ten anticorpos da Covid-19, unha décima máis

Publicado o 05/06/2020 10:41

• É menos da metade da prevalencia do conxunto do Estado, que é do 5,2%

• Galicia é a cuarta comunidade con menor porcentaxe de contaxiados

• Os contaxios creceron só nun 0,8% nas últimas tres semanas

• Só un terzo dos contaxiados presenta síntomas

A poboación galega que superou a infección por coronavirus e xerou anticorpos mantense na contorna do 2%, tras subir unha décima ata o 2,2% na segunda onda do estudo de seroprevalencia realizado polo Ministerio de Sanidade en todo o país.

Esta porcentaxe supón menos da metade do que se rexistra no conxunto do Estado, que é do 5,2%, dúas décimas máis que na primeira onda, segundo os datos feitos públicos este xoves. De feito, Galicia mantense como a cuarta comunidade con menor porcentaxe de poboación con anticorpos, pois só hai cifras máis baixas en Baleares (1,5), Murcia e Asturias (ambas co 1,6%).No outro extremo atópanse Madrid (11,4%) e Castela-A Mancha (10,3%).

No tocante ás provincias, Pontevedra é a que conta en Galicia con menor taxa de poboación con anticorpos nesta segunda onda, na que alcanza un 2%, cinco décimas menos que na primeira (2,5%).

Pola súa banda, a poboación con anticorpos na Coruña supón un 2,2%, lixeiramente por encima do 1,8% da primeira quenda do estudo.

Tamén en Ourense a taxa é do 2,2%, por baixo do 2,6% rexistrado anteriormente.

Lugo é a provincia que obtén unha cifra máis alta, cun 2,5% de persoas con anticorpos fronte ao 2,1% rexistrada inicialmente. Precisamente, a de Lugo é a única provincia galega na que crece a porcentaxe de participantes aos que se lles detectaron a presenza de anticorpos e antes non tiñan por enriba da media estatal. De feito, rexista un crecemento do 0,9% fronte ao 0,8 do total do país. No resto de provincias, esta cifra é do 0,5%.

España

No conxunto do Estado, o 5,2 por cento da poboación superou a enfermidade e presenta anticorpos IgG contra o COVID-19, apenas un 0,2 por cento máis que na primeira onda dos resultados do estudo de seroprevalencia liderado polo Instituto de Saúde Carlos III , segundo os resultados desta segunda quenda de resultados, na que se analizaron a 63.564 persoas entre o 18 de maio e o 1 de xuño.

A taxa é lixeiramente inferior en homes (5,01%) que en mulleres (5,40%). Aínda que a media nacional é dun 5,21 por cento, o estudo arroxa unha marcada variabilidade xeográfica, tamén moi similar á observada na primeira rolda, con prevalencias iguais ou próximas ao 10 por cento tanto en Madrid como nas provincias situadas na súa contorna.

En relación ao tamaño dos municipios, existe un leve incremento desta taxa de inmunidade respecto á primeira onda nas grandes cidades (máis de 100.000 habitantes) que pasaron dun 6,4 a un 6,8 por cento. O 80,5 por cento dos participantes no estudo que declaran dar positivo por coronavirus nun diagnóstico por PCR hai máis de dúas semanas presentan anticorpos IgG.

Nos casos sospeitosos, a prevalencia deste anticorpo aumenta co número de síntomas e é particularmente alta nas persoas que sufriron perda de olfacto (40%). No caso dos participantes asintomáticos, a un 2,8 por cento detectóuselles anticorpos IgG. Ademais, un 0,8 por cento de participantes negativos en anticorpos na primeira rolda, adquiríronos nesta segunda, é dicir, detectóuselles a presenza de IgG da que antes carecían. Destacan os casos de Ávila, Valladolid e Palencia, con valores próximos ao 2 por cento, e os de Madrid, Soria e Segovia cun 1,5 por cento.

O mapa de posibles casos con síntomas de COVID-19 nas últimas dúas semanas mostra, en xeral, prevalencias inferiores ás da primeira rolda. Só as provincias de Santa Cruz de Tenerife, Granada, Madrid, Toledo e As Palmas están en torno ao 1 por cento. Os posibles casos con síntomas de COVID-19 refírese a persoas con tres ou máis síntomas ou con perda súbita de olfacto.

A directora do ISCIII, Raquel Yotti, explicou que a taxa de participación situouse no 76 por cento, superior á da primeira rolda: 74,9 por cento. "Esta mellora reflicte a alta adherencia ao estudo. Ata o 95 por cento de todos os participantes na primeira rolda continuaron, pero ademais incorporáronse 5.847 máis", celebrou.

Ademais, o 87,9 por cento accedeu a doar unha mostra de sangue. A taxa de participación entre os individuos elexibles tamén mellorou á da primeira rolda cunha 66,5 fronte ao 63,7 por cento do período anterior. Se se considera só ás persoas que puideron ser contactadas, a cifra de participación alcanza o 76,1 por cento, dous puntos máis que na rolda anterior.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias ( CCAES), Fernando Simón, resaltou que estes datos de seroprevalencia "corroboran o observado na evolución da epidemia" nas últimas semanas. "Os datos de transmisibilidade tampouco cambiaron de maneira substancial", comentou, recoñecendo que quizá se produciu unha maior entrada do virus en España que os detectados polo sistema sanitario.

Noticias web

05/06/2020