O Estradense gaña no 90 en Cangas e mantén as opcións de ascenso
Só un podía saír con vida do Morrazo e finalmente foi o Estradense, candidato tapado do play off de ascenso.
500 persoas asistiron a un encontro inicialmente moi aberto, con moitísimo protagonismo para os gardametas. Os dous equipos, moi intensos de entrada, buscaron o gol sen fortuna. Aínda que se cadra os achegamentos dos de Alberto Mariano semellaban máis perigosos. Ata que Jesús Varela obrigou a voar a Cascallar para evitar o primeiro tanto do partido.
Á volta dos vestiarios houbo menos ritmo e moita máis cautela. Así que o lance perdeu en xogo e gañou en compoñente emocional. Especialmente a medida que transcorrían os minutos. Nese transo chegou a expulsión de Piñeiro. Quedaban 20 minutos para o final. O xogador do Estradense viu o vermello directo tras unha labazada a Mauro.
E o que é o fútbol, as mellores ocasións para os visitantes chegaron a partir dese momento. Primeiro nas botas de Edu e despois neste pau de Porrúa. Ata que no minuto 90 Mulero desatou a loucura no Morrazo cun disparo imposible para Martín.
Oito minutos de engadido, unha última ocasión para o Alondras e clasificación agónica para o Estradense, un dos equipos en mellor forma desta segunda volta da competición. Os de Alberto Mariano proseguen co seu soño de acceder á Segunda Federación.