CRTVG

Buscar

O Estado avalará créditos a seis anos para quen non poida pagar o alugueiro

Publicado o 30/03/2020 17:39
O Estado avalará créditos a seis anos para quen non poida pagar o alugueiro

O Estado avalará microcréditos sen xuros para devolver nun período de entre tres e seis anos para os inquilinos afectados pola crise do coronavirus e paralizará durante seis meses todos os procesos de desafiuzamento por falta de pagamento de rendas, incluídos os iniciados antes da pandemia. A proposta que levará este martes o Ministerio de Transportes ao Consello de Ministros supón mobilizar 700 millóns de euros e inclúe a prorrogación automática durante seis meses dos contratos de alugueiro que vaian vencer e unha moratoria de catro meses no pagamento da renda, se os propietarios dos pisos son fondos de investimento, entidades financeiras, inmobiliarias e de xestión de activos. Nestes casos, a débeda acumulada será rateada para que os inquilinos a poidan pagar nun período máximo de dez anos, explicaron a Efe fontes do Ministerio de Transportes.

O borrador de decreto que debaterá o Consello de Ministros establece que son inquilinos "vulnerables" os que teñen que destinar máis do 40 % dos seus ingresos ao pagamento do alugueiro e distingue entre vulnerables "conxunturais" e "estruturais". Os primeiros serían o groso de familias, traballadores, autonómos e pequenos comerciantes que viron reducidos os seus ingresos pola decretada paralización da actividade económica, pero que se recuperarán cando finalice o estado de alarma. Para estes afectados, o texto prevé microcréditos avalados polo Estado, a través dunha liña do ICO (Instituto de Crédito Oficial), cuxos xuros sufragará o Mitma con cargo ao Plan Estatal de Vivenda.

En canto aos colectivos vulnerables estruturais, os pagamentos das súas rendas cubriraos o ministerio con cargo aos fondos previstos nos plans estatais. Aínda que non hai datos oficiais, o Mitma calcula que entre o 85 % e o 90 % do mercado residencial de alugueiro está en mans de pequenos propietarios, na súa maioría familias que necesitan eses ingresos para cubrir as súas necesidades. As consultoras inmobiliarias elevan esa cifra ao 95 % ou 96 %, mentres que os sindicatos de inquilinos esgrimen estudos que reflicten que só o 16 % dos que poñen a súa casa en alugueiro o fan por unha "necesidade económica urxente".

A proposta do ministerio que dirixe o socialista José Luis Ábalos busca o apoio da vicepresidencia social que encabeza o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, con medidas como a paralización dos desafiuzamentos. Con todo, Unidas Podemos avogou nos últimos días por suspender o pagamento do alugueiro a todos os afectados polo coronavirus, na liña do que reclaman os sindicatos de inquilinos, que convocaron a unha folga de alugueiros as familias, autónomos e pequenos comerciantes afectados. Segundo os seus datos, máis de 8.000 persoas avisaron, desde o pasado 19 de marzo, de que non poderán facer fronte ao pagamento do alugueiro en abril por veren reducidos os seus ingresos ou por perderen o seu emprego.

Noticias web

30/03/2020