CRTVG

Buscar

O estadio de Riazor fai 75 anos

Publicado o 29/10/2019 14:08
O estadio de Riazor fai 75 anos

O estadio de Riazor celebra este martes os seus 75 anos de vida, nos que foi testemuña dun Mundial, a Liga de Campións, as xenialidades de Pelé, as alegrías e as penas do seu inquilino, o Deportivo, e acolleu probas de ciclismo, atletismo e tamén concertos.

O club galego, para conmemorar o aniversario do seu estadio, editou o libro Riazor 75, en que recolle as datas máis sinaladas dese escenario co que alcanza as vodas de brillantes e que se poden concentrar en dez.

29 de outubro de 1944: O estadio de Riazor, de titularidade municipal, recibe o seu bautismo futbolístico co partido entre o Deportivo e o Valencia, que acaba con vitoria visitante (1-3) na máxima categoría do fútbol nacional e 6 de maio de 1945 inaugúrase oficialmente co amigable entre a selección española e a de Portugal. España acudirá en máis ocasións e o 5 de setembro de 2009 disputa o seu primeiro partido oficial nese escenario.

30 de xuño de 1946: Riazor celebra a primeira edición do Trofeo Teresa Herrera, que se disputou ininterrompidamente cada ano desde a súa estrea. Medíronse o Sevilla e o Athletic Club (3-2 a favor dos andaluces). Nese torneo citáronse o 21 de xuño de 1959 os equipos brasileiros Santos e  Botafogo, con Pelé e outros seis campións do mundo.

31 de maio de 1947: Non só de fútbol vive Riazor, que recibe a décimo oitava etapa da sétima edición da volta ciclista a España, con saída desde Ferrol e meta no estadio coruñés. Repetiu final de etapa o 29 de xuño de 1948 e o 30 de abril de 1960. En 1959, os gañadores das tres grandes voltas dese ano danse cita nun critérium.

22 de xuño de 1947: A Coruña e o seu campo é sede, por primeira e única ocasión, da final da Copa de España, que se adxudica o Real Madrid na prórroga ante o Espanyol (2-0).

20 e 21 de xullo de 1957: O Campionato de España de Atletismo, coa Torre de Marathon (único vestixio que sobreviviu ás reformas do estadio, aínda que agora está fóra da bancada) vixiante, celébrase en Riazor. Repetiu por segunda e última vez o 18 e 19 de agosto de 1962. En 1986, Said  Aouita acariña o récord do mundo en 5.000 metros.

15 de xuño de 1982: A Copa do Mundo da FIFA chega ao remodelado estadio de Riazor, que cambiou drasticamente para ser sede desa cita. No céspede, Perú e Camerún empatan sen goles (0-0).

15 de agosto de 1983: Soa a música en Riazor da man de Miguel Ríos, con Madero e Luz Casal como abreconcertos e 20.000 fans. Dúas semanas máis tarde, quenda para Julio Iglesias e en 1993, o concerto dos Mil Anos, con 80.000 persoas en tres días e Dylan, entre outros, no escenario.

9 de xuño de 1991: O Deportivo regresa a Primeira tras 18 anos de ausencia nesa categoría; a bancada de Riazor sofre un incendio no partido ante o Murcia (1-0), no que se certifica o ascenso.

14 de maio de 1994: O Deportivo chega á última xornada de Liga dependendo de si mesmo para gañar o campionato; Djukic falla un penalti no desconto e o Barcelona canta o alirón.

19 de maio de 2000: O Deportivo imponse (2-0) ao Español e sela o seu primeiro e, ata o de agora, único título de Liga, o que propicia o seu debut na liga de Campións, competición que Riazor acolle cinco tempadas seguidas e na que o 7 de abril de 2004 o equipo coruñés tomba en Riazor o campión de Europa, o Milán, ao que elimina cunha gran remonta (4-0) tras o 4-1 da ida. Despois, cae en semifinais ante o Porto (0-1), o 4 de maio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí