CRTVG

Buscar

O esforzo do Dépor non é dabondo e sae apupado de Riazor

Publicado o 13/02/2018 09:51

 

Non foi a estrea soñada por Seedorf e polo deportivismo. Gañou o Betis pola mínima en Riazor ante un Deportivo máis intenso, máis encoraxado. Pero non foi suficiente. Con esta nova derrota, o Deportivo segue a tres puntos da salvación.

O efecto Seedorf diluíuse coma un terrón de azucre na noite coruñesa, que non foi de farra senón de tremenda preocupación. E máis con todo semellaba que o equipo saía con outro aire vista a rápida chegada de Bakali polo seu costado tras perder Guarddo o coiro. O belga enrosca o esférico que sae fóra raspillando o pau. Fede Valverde cae lesionado e contratempo gordo para o Dépor; máis balón para o Betis.

A un paso do descanso Adrián consegue rematar de cabeza un centro de Bakkali chegando en velocidade. O remate de Adrián bate na man de Amat e o árbitro decreta a involutariedade na acción que pechaba o medio tempo en cero a cero. O Betis sae disposto a bater o puño na mesa e Joaquín intenta o gol olímpico nada máis saír da caseta. O veterano mete nun lío a Rubén e envelénalle o coiro directo dende o córner. A manopla de Rubén nada puido facer, en troques, no gol bético: progresa Junior pola banda e acaba centrando, o balón sae mordido pola bota do defensa pero chega ao punto de encontro con loren que se adiantaba a toda a defensa. De canteirán a canteirán e gol que consegue desatar ao Deportivo para o treito final do partido. Alóngase o equipo de Seedorf e Cartabia mete ao espazo para Andone. O punta coruñés bate o coiro na madeira sobre a saída de Adán e nunha posición de extrema escora.

Borges tamén cheira gol na seguinte, remexéndose a xeito dentro da área para patear un balón que non atopa porta. A última foi de Andone: centro pasado de Luisinho e remate do romanés que se perde por piniscos. Non foi abondo o esforzo e o público puxo a pan pedir a un equipo no que, nin con Seedorf nin sen el, parecen ter os seus males remedio.

Seedorf tomou nota deses asubíos. O técnico holandés lamentou que o esforzo dos seus xogadores non atopara premio. A derrota supón outro golpe para o vestiario pero Seedorf tamén quixo subliñar a mellora que o equipo ofreceu nalgúns aspectos do xogo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018