CRTVG

Buscar

O Escorial acolle o funeral por Pilar de Borbón

Publicado o 29/01/2020 15:21

O desta mañá no Escorial non estaba considerado un funeral de Estado, pero si un acto solemne e institucional conforme a condición de infanta de España que mantiña oficialmente a irmá do rei Xoán Carlos. Por iso o ritual estivo marcado polo estrito protocolo que se segue nestes casos. A vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo representou o executivo. No seu papel institucional acudiron tamén a presidenta do Parlamento e os mandatarios da Comunidade e do Concello de Madrid.

Conforme mandan os canons, todos eles, igual ca o resto dos 200 convidados á cerimonia fúnebre, debían estar xa no lugar que lles fora destinado no interior da basilíca antes da chegada dos reis. Filipe e Leticia saudaron primeiro os descendentes directos de dona Pilar de Borbón.

Xa dentro, limitáronse a saudar os reis eméritos, que agardaban en primeira fila, e a raíña Beatriz de Holanda, que estaba situada só unha bancada por tras, xusto ao carón das irmás de Filipe VI, coas que non mantiveron ningún contacto formal.

A infanta Cristina xa non participa en actos institucionais da Casa Real, pero si nos actos de carácter familiar.

Os reis presidiron logo o funeral desde un lugar preferente do altar. Entre os asistentes estaba a outra irmá do rei Xoán Carlos, a infanta Margarita, e representantes doutras familias reais.

O venres que vén está convocada outra misa funeral na catedral da Almudena, xa sen restricións protocolarias, para que poida ir quen queira.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/01/2020