CRTVG

Buscar

O Entroido trasládase aos escaparates de Foz para manter vivo o espírito da festa

Publicado o 09/02/2021 20:45

Con nostalxia lembran en Foz os seus desfiles do Entroido. É unha das festas máis importantes da vila, en que participaban máis de 2.000 persoas. Grupos de amigos, familias ou comparsas enchían de música e cor as rúas.

"É moi importante, habería moitísima xente o sábado do desfile, que é moi grande e dura moitas horas".

Desta volta non haberá ceas nin coplas nin bailes e os disfraces trasládanse aos escapartes dos comercios.

"Animámonos dende o Concello e a Asociación de Comerciantes e todas as tendas colaboramos para que estea todo máis colorido e alegre para estes tempos que estamos pasando".

Todos poñen o seu gran de area para que non se perda o espírito da festa.

"Polo menos que o espírito non se perda, aínda que a covid non deixe celebralo como se debería".

Nesta fermosa e colorida exhibición de traxes non faltan as fotos. Lembranzas da unión e do traballo en equipo que xera o Entroido en Foz.

"Foz lévao no sangue o de celebrar o Entroido, e isto non se pode perder. En todas as casas hai participantes e involúcrase moita xente con isto do Entroido".

As tendas exhiben a pasión polo Entroido ao tempo que enche de cor e alegría as rúas da vila.

"Dan un pouco de vida que estamos todos moi parados e na casa. Nós saímos para velos polo tanto xa animan a saír".

O sábado xa non haberá desfile, pero para saciar a morriña divulgarán polas redes un vídeo que recorda a importancia desta festa.

Noticias web

09/02/2021