CRTVG

Buscar

A Coruña, Lugo e Pontevedra tamén teñen o seu aquel no Entroido

Publicado o 01/03/2019 14:48

Ourense é o epicentro do Entroido galego, pero nas outras provincias tamén o hai. Facemos un percorrido que empezamos en Chantada, Lugo, co Entroido ribeirao, trasgredimos na Coruña cos choqueiros e rematamos en Pontevedra co enterro do papagaio Ravachol.

O Entroido riberao é un dos poucos con esencia rural de Galicia e celébrase na sur da provincia de Lugo, en Chantada. Recuperouse con forza nos últimos anos na parroquia de Santiago de Arriba, onde figuras como os volantes, os maragatos e os mezquiños protagonizan desde esta fin de semana rituais de adeus ao inverno cos que piden hortas e colleitas produtivas.

Pola contra, A Coruña mantén un dos entroidos urbanos máis concorridos, co choqueiro, protagonista desde principios do século XIX, como figura esencial. O desfile de carrozas e comparsas enche mañá o centro da cidade e o martes é sobre todo o día do choqueiro. Vale calquera disfrace, pero ha de ser burlesco e transgresor. A sú festa é pola noite na rúa da Torre.

Vigo presume de ser o Río do Xaneiro galego, cos desfiles de carrozas e concursos de disfraces como atractivos principais desde esta mesma tarde. Para o martes, ademais do desfile, están programados concertos de Tony Lomba e Elio dos Santos e Herdeiros da Cruz. O enterro do meco poñerá, o mércores, o colofón.

Pero para fin de Entroido, Pontevedra co enterro do papagaio Ravachol, figura coa que a cidade lembra a que fora mascota do boticario Perfecto Feijoo. Será o sábado 9 de marzo. O velorio comeza ás seis na praza da Verdura, e ás nove sae o cortexo ata a praza da Ferraría, onde se incinera o morto e se dá por rematada a festa de don Carnal.


 

Noticias web

01/03/2019