CRTVG

Buscar

O Entroido despídese co enterro da Sardiña

Publicado o 26/02/2020 14:36

Hoxe toca despedirse do Entroido e na provincia de Ourense chorarán sen alento. Este serán queimaranse os mecos e celebrarase o tradicional enterro da sardiña en case todos os concellos da provincia de Ourense. É tempo de chorar, porque hai que despedir a don Carnal. Acabouse a maxia e a retranca dunha festa ancestral. 

E para os entroideiros que aínda teñan folgos lembrarlles que queda aínda festa. A próxima fin de semana será o de Piñata e festéxase ao grande en vilas como Xinzo e Celanova. 

Noite pirata en Pontevedra

A pasada noite, Pontevedra foi tomada literalmente polos piratas. A tripulación do Burla Negra volveu desembarcar na zona histórica.

Trátase dun do actos centrais do Entroido. A Noite Pirata, co bergantín do pontevedrés Benito Soto como protagonista, volveu converter a cidade nunha gran festa corsaria. Os tripulantes do Burla Negra desembarcaron na parte vella e desfilaron con tambores e fachos de lume, despois de que as armadas inglesa e francesa irrompesen na praza da Ferrería, para intentar recuperar os tesouros roubados polo pirata da Moureira. Unha gran festa con luces, pirotecnia e moita música. Todo para celebrar a noite máis pirata do ano.     

 

 

Noticias web

26/02/2020