CRTVG

Buscar

Sánchez presentará unha oferta que fai propias as propostas de Podemos

Publicado o 29/08/2019 14:02

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, presentará o martes 3 de setembro, nun acto público, a súa nova oferta, como base dun acordo programático que facilite a investidura "e no que fai propias a maior parte das propostas de Unidas Podemos e da sociedade civil".

Trátase, segundo informaron fontes socialistas, dun documento con 300 medidas "que admite debate e que poderá ser ampliado e mellorado nas conversacións que se produzan nas próximas datas".

A proposta 'Programa común progresista', que se presentará 20 días antes de que finalice o prazo para pactar a investidura, pasará antes pola Executiva Federal, que se reúne o vindeiro luns. Segundo as fontes socialistas, as 300 medidas son un compendio do documento 'España avanza' que presentou o PSOE o 18 de xullo, as 'Propostas para retomar o diálogo' de Unidas Podemos do 20 de agosto e as iniciativas expostas polas máis 350 organizacións e expertos da sociedade civil coas que Sánchez está a manter reunións.

Con esta nova proposta, o PSOE "desexa que España teña, canto antes, un goberno progresista que aborde cunha mirada social os retos e urxencias que ten o noso país". Os socialistas queren trasladar a idea de que "os progresistas debemos deixar atrás o bloqueo e abrir paso a un período de avance social, limpeza e convivencia. España e os seus cidadáns meréceno".

O documento trata materias "tan importantes para o futuro do noso país" como emprego digno e pensións xustas, feminismo, loita contra a desigualdade social e calidade democrática e emerxencia climática e transición ecolóxica da economía. Tamén inclúe capítulos referidos ao "avance científico, tecnolóxico e transición dixital; España aberta a Europa e ao mundo e cohesión territorial: Estado autonómico e loita contra o despoboamento".

O encontro entre Sánchez e Iglesias non será ata a segunda semana de setembro

O secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, sinalou este xoves que a reunión entre o presidente en funcións, Pedro Sánchez, e o líder de Podemos, Pablo Iglesias, terá lugar a segunda semana de setembro, cando haberá encontros con "partidos de carácter nacional".

Nunha entrevista na Ser, Ábalos comentou que o vindeiro mércores Sánchez viaxará a Cantabria e País Vasco, onde previsiblemente retomará os contactos co Partido Rexionalista de Cantabria (PRC) e o PNV para a investidura, unha vez que esta semana finalizan os encontros coa sociedade civil para ampliar o programa político que os socialistas queren trasladar aos partidos.

Ábalos explicou que as 300 medidas programáticas que ultima o Goberno serán "a terceira proposta do PSOE" e a terceira versión que o luns pase pola Executiva do partido, que incluirá as achegas da sociedade civil.

O secretario de Organización socialista chamou a Iglesias a facilitar a investidura por "responsabilidade" e porque o electorado de esquerdas "non quere entrar en fronteiras partidistas" e si espera un acordo para que en España haxa un goberno progresista.

"Aquí a clave está en PP, C's e Podemos" sinalou o tamén ministro de Fomento en funcións que se referiu así aos partidos pola súa "orde de representación parlamentaria".

Á pregunta de se o PSOE prefire ir a eleccións, dixo que "non se pode xogar a iso" e asegurou que non hai ningunha información que diga que aos socialistas lles podería ir mellor. "O único dato que temos é o das eleccións de maio", precisou.

Sobre posibles contactos este mes, o responsable socialista admitiu que houbo "algún tipo de comunicación non persoal" entre Sánchez e Iglesias, "pero non nestes últimos días".

Noticias web

29/08/2019