CRTVG

Buscar

O encontro de esculturas na praia da Lanzada xunta este ano 800 escolares

Publicado o 22/05/2019 14:15

Ás once da mañá deste mércores moitos dos escolares participantes xa estaban a traballar sobre o areal, algún coa base da escultura avanzada, mentres os de centros máis afastados da Lanzada, viñan de camiño.

Cada grupo traballaba a partir dun bosquexo ideado na clase sobre un tema xeral.
Tres alumnas dos IES Monte da Vila do Grove, de onde partiu a idea orixinal,  falan da actividade:

"Este ano trata sobre a arte africana. No meu grupo estamos a facer un elefante".

"Gústanme os días de calor e por iso eliximos facer o sol. Á profesora tamén foi o que máis lle gustou". "Está inspirado nunha máscara africana. Fixemos os bosquexos na clase e o máis bonito estamos a reproducilo na praia".

Outro grupo traballaba para crear un escaravello.

"Para os exipcios era un amuleto que daba boa sorte, usábano de colar... de amuleto".

No areal máis coñecido do Grove tamén escoitamos algún artista que se sentía fóra de lugar.

"Non é que me guste. É que teño que participar".

"Eu prefería estar na casa a durmir. Aínda así estou a pasalo ben".

Todo empezou un día de maio case co comezo do século, segundo a coordinadora do evento.

Josebe Arriaga, profesora de debuxo no IES Monte da Vila e coordinadora do evento: "Isto foi evolucionando a través de Internet. A primeira vez estabamos cun grupo nada máis e ano tras ano foi aumentando a afluencia a un evento que non ten hora de comezo nin de remate e que se pode estender todo o tempo, unhas dez horas, que a marea o permite".

Este ano os participantes eran uns oitocentos escolares.

Noticias web

22/05/2019