CRTVG

Buscar

O empresario detido polo roubo das máscaras nega o delito

Publicado o 07/04/2020 14:31

Nun comunicado enviado aos medios, Javier Conde di que "por parte da súa persoa non se cometeu ningún delito de roubo, xa que o acceso á nave se realizou sempre con autorización", e engade que o material subtraído non se corresponde nin en cantidade nin en valor ao que se fixo mención por fontes policiais.

Vía telefónica, Conde engadiu que o material que había na nave de Oxidoc estaba caducado desde 2014. Na páxina web da inmobiliaria do empresario detido aínda permanece o anuncio de venda da nave onde se atopaba o material.

Javier Conde foi detido pola Policía Autonómica e, despois de declarar no Xulgado de instrución número 1 de Santiago, foi posto en liberdade sen medidas cautelares, mentres continúan abertas as dilixencias xudiciais.

Segundo a Policía Autonómica, a subtracción do material produciuse en febreiro e ascendeu a preto de dous millóns de máscaras modelo FFP2, guantes cirúrxicos e outro equipamento sanitario, que estiman nun valor de 5 millóns de euros. Todo o material foi extraído das súas caixas e plásticos protectores para ocultar a súa procedencia, segundo cren as autoridades policiais.

Mentres, continúan as pesquisas para buscar o resto de implicados en Portugal, a onde se supón que foi parar a mercadoría.

Noticias web

07/04/2020