CRTVG

Buscar

Galicia recupera emprego, con 17.000 ocupados máis no segundo trimestre

Publicado o 29/07/2021 09:03

O número de ocupados en Galicia aumentou en 17.000 persoas no segundo trimestre do ano, ata 1.076.700 traballadores, unha suba do 1,6 %.

Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), hai 26.300 persoas máis ocupadas; comparando o dato con respecto á mesma data do ano anterior, un incremento do 2,51 % interanual.

Respecto ao total de desempregados, Galicia pechou os primeiros seis meses do ano con 152.400 parados, 5.900 menos que no trimestre anterior, un descendo do 3,75 %. Nos últimos doce meses, en cambio, aínda se rexistra unha suba do desemprego con 9.800 parados máis, unha suba do 6,9 %. A taxa actual de paro en Galicia é do 13,61 por cento, case dous puntos inferior ao total de España, onde se sitúa no 15,26 %.

España suma 464.900 ocupados

No conxunto do Estado o número de ocupados aumentou en 464.900 persoas no segundo trimestre do ano, ata os 19.671.700 traballadores. Ese incremento dos ocupados supón un 2,42 % máis no trimestre, e un 5,72 % nos últimos doce meses, nos que España recuperou máis dun millón de ocupados.

Segundo a EPA, o número de desempregados diminuíu en 110.100 persoas no conxunto de España e situouse nos 3.543.800, o cal rebaixou 72 centésimas a taxa de paro, ata eses 15,26 %. O descenso no número de parados é neste trimestre dun 3,01 %, pero tamén no global de España o último ano aínda rexistra un número total de parados un 5,22 % superior ao que había doce meses antes.

O emprego creceu en maior medida do que diminuíu o paro, unha situación que se explica polo incremento da poboación activa en 354.800 persoas en idade de traballar que teñen un emprego ou o están buscando, ata situarse nas 23.215.500.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, considera que os datos da EPA publicados este xoves demostran que "España avanza con firmeza na recuperación".

Sánchez deulle eco en Twitter a eses datos, que demostran, segundo o xefe do Executivo, "unha maior creación de emprego e un forte crecemento da actividade".

Engade que o Goberno segue traballando para impulsar esas cifras.

 

Noticias web

29/07/2021