CRTVG

Buscar

O emprego no naval galego caeu un 20,84% en 2019 e a facturación, un 11%

Publicado o 03/03/2020 12:34

O emprego no sector naval galego caeu en 2019 un 20,84%, ao contabilizar 9.500 operarios, en tanto que a facturación foi de 1.180 millóns de euros, o que supuxo un descenso do 11% en comparación co exercicio anterior.

Así consta na memoria de actividade da patronal galega do metal, Asime, que cifra nun 1% o aumento do emprego no conxunto do sector, ata contabilizar os 67.018 traballadores, e do 2% na facturación, que chegou aos 13.680 millóns de euros.

O subsector da automoción, metalmecánica e transporte pechou o pasado exercicio con 19.500 traballadores, o que supuxo un aumento interanual do 2%, e unha facturación de 8.650 millóns, un 1,7% máis.

Trátase dun crecemento "moi tímido" e menor ao previsto, destacou o secretario xeral de Asime, Enrique  Mallón, que advertiu sobre a "preocupante" caída de matriculacións, un -12,7%, e solicitou ao Goberno medidas para corrixir esta tendencia.

O crecemento experimentado en 2019 nas construcións e estruturas metálicas, cun 1,5% máis de facturación, foi "moi lento", igual que o da aeronáutica e aeroespacial, do 2%, tanto en emprego (1.250 traballadores directos) como en facturación (132 millóns).

En termos globais do sector metalúrxico, Mallón sinalou que as cifras son peores que as previstas nun ano "con bastantes sobresaltos" e ante a perspectiva dun 2020 no que se confirmará a "desaceleración", con independencia das consecuencias derivadas da crise do coronavirus.

Dixo que "preocupa moito" a dimensión desta crise sanitaria e canto se podería prolongar no tempo, pois o metalúrxico, dixo, é "o primeiro da lista de afectados" pola súa alta dependencia do mercado asiático, e de feito xa se está notando no aprovisionamento na automoción e a metalmecánica.

O metal galego aglutina o 30% do traballo industrial en Galicia e o 6,67% do total nacional, con máis de 4.100 empresas, e representa o 20% do PIB da comunidade autónoma.

 

Noticias web

03/03/2020