CRTVG

Buscar

O Emevé de voleibol xoga a fase final da Copa do Rei por primeira vez na súa historia

Publicado o 06/02/2020 17:09

Por primeira vez desde a súa fundación o Arenal EMEVE acode a unha fase final da Copa do Rei de voleibol coa ilusión de meterse nas semifinais. E a presidenta, Bibi Bouza, non renuncia a nada:. "Eu creome todo destes rapaces, son capaces de calquera cousa, ademáis, o bó que teñen é que van xogar sen presión porque xa conseguiron o soño deles".

Unha das chaves do éxito está no seu adestrador, Diego Taboada, quen tras ascender ao equipo e clasifica-lo para ao Copa, soña con seguir facendo historia: "Nesta fase final o límite é chegar onde poidamos, primeiro, o primeiro partido sería o primeiro límite, a partir de ahí soñar con facer algo máis".

Os xogadores, que xa derrotaron na Liga ao seu primeiro rival, o Ibiza, viaxan a Mallorca coa idea de disfrutar e de gañar. Mario Dovale apunta: "Eles xogan cerca da casa, van ter moita afección alí tamén, pero si que é certo que nós temos que ir partido a partido, punto a punto, para nós sería un premio xogar as semifinais da Copa do Rei.". Pablo Villar engade: "Agora que xa estamos aquí, imos tratar de lograr o maior obxectivo que poidamos." E Felipe de Mello apunta ao máis alto: "Unha gran sorpresa para a xente vai ser chegar as semifinais e xogar de igual a igual co Almería, que é un equipo moi bó, e quen sabe, chegar á final e se nos deixan ata un título."

Deste xeito o EMEVE faría realidade o contido das siglas que dan nome ao clube. O mellor equipo de voleibol español.

Noticias web

06/02/2020