CRTVG

Buscar

O emblemático edificio do cine Avenida de Ferrol púxose á venda por un millón

Publicado o 16/05/2018 13:18

En xuño fará 17 anos que o Cine Avenida de Ferrol exhibiu un filme por última vez. Desde os anos 40 foi un lugar de encontro social e actividade ininterrompida. Aquel inmenso pano de fondo que lles abría aos ferroláns unha porta máxica ás aventuras, ás viaxes, aos amores e aos dramas... non volveu recuperar a súa función. Agora o inmoble busca novos donos e novos cometidos. Véndese. Nós mercalo non podemos pero si amosárllelo, contarlles canto custa e en que se podería converter.

Lembran cando ir ao ao cine era un verdadeiro acontecemento social, reservábase tempo e escollíase roupa para asistir a unha proxección?... As pantallas tiñan grandes dimensións e cubríanse con solemnes panos de fondo que ao abrirse sumían o espectador nunha especie de burbulla de fantasía. Cando todo isto era ver unha película, o cine era un lugar de encontro, de namoramentos e citas, de aprendizaxe e apertura ao mundo, era aventura, en si mesmo.

Daqueles cines poucos quedan xa. O cine avenida de Ferrol, como tantos outros, pechou as súas portas hai anos, o paso do tempo, a soidade e os temporais fixeron que o seu aspecto non sexa louzán como o dun mozo que promete aventuras. Agora, convertido nun maduro inmoble con case mil metros de capacidade, máis parece un oportunista empresario agardando a chegada dun investidor capaz de encargarlle novas misións e de insuflarlle nova vida.

Agardamos que o seu próximo dono sexa respectuoso co seu pasado e lle ofreza un futuro cheo de intensa vida comercial e cultural.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2018