CRTVG

Buscar

O Éibar gaña en Valladolid con 10 e no minuto 90

Publicado o 03/10/2020 18:19

 


RES Real Valladolid 1 S. D. Éibar 2

O Éibar saíu triunfador da tolemia de partido disputado en Valladolid. Os dous equipos buscaban a súa primeira vitoria nesta liga, e finalmente, logo de múltiples alternativas e varias accións polémicas, o conxunto guipuscoano atopou os tres puntos no último suspiro. Díaz de Mera no céspede e Pizarro Gómez no VAR tiveron traballo dabondo. No minuto 29, houbo aviso desde a sala de videoarbitraxe. Unha man de El Yamiq significou o primeiro penalti do encontro e que lle servíu ao Éibar para adiantarse no marcador. Esteban Burgos transformou a pena máxima. A vantaxe só lle durou oito minutos. Nunha acción pola banda esquerda, centro de Nacho e bó remate de Toni Villa para empatar. Houbo que agardar ás liñas do VAR no inicio da acción para a celebración definitiva do gol. Non precisou de axuda Díaz de Mera nos primeiros intres do segundo tempo para indicar outro penalti. Desta volta a prol dos locais. Unha innecesaria cambadela de Eñaut a Toni Villa que puído cambiar o signo do choque. Pero aí estaba Dimitrovic baixo paus para evitar o tanto de Sergi Guardiola. Grande intervención do gardameta serbio, quen axustou á pefección a posición dun dos seus pés na liña de gol no momento do lanzamento. Tras unha fase equilibrada no xogo, chegou a expulsión de Diop. Cartón vermello directo no minuto 73. Pero con dez. o Éibar foi mellor na recta final, e obtivo un xusto premio no minuto 90. Centro de Arbilla e remate de Kevin Rodrigues para colocar o un a dous definitivo no marcador. Logo de cinco xornadas chegaba o triunfo para os de Mendilíbar. O Valladolid queda de penúltimo con só dous puntos.

 

Noticias web

03/10/2020