CRTVG

Buscar

Unha eclipse de sol será visible este xoves en Galicia desde as 10:49

Publicado o 09/06/2021 15:03
Unha eclipse de sol será visible este xoves en Galicia desde as 10:49

A Lúa cubrirá o Sol mañá pola mañá, e Galicia é o mellor lugar de España para velo. Será a partir das 10:49. Poderemos repetir imaxes coma as da eclipse do 2015.

É unha eclipse anular que aquí veremos de xeito parcial. A Lúa cubrirá en Galicia o vinte por cento do Sol. Lembren sempre a precaución para gozar deste fenómeno, que terá lugar dende as once menos dez da mañá ata a unha menos vinte. 

A duración total do fenómeno será de 299 minutos (case 5 horas). É unha eclipse anular, pois a Lúa estará próxima á súa posición máis afastada da Terra e non tapará por completo o Sol. Deste xeito, darase só nunha banda de territorio que vai de Canada a Groenlandia, o Mar Ártico e o extremo oriental de Siberia. "Fóra desa zona, a eclipse será parcial e a Lúa ocultará tanto menos o Sol canto máis nos afastemos desa zona", explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC José Ángel Docobo.

Así, na Coruña verase a eclipse parcial a partir das 10:49 horas. Case unha hora despois, ás 11:44 horas, alcanzará o seu punto máximo (13 %) e concluirá 59 minutos despois, ás 12:43 horas. No resto de Galicia, os horarios serán similares. Por exemplo, en Ourense empezará ás 10:50 horas, chegará ao máximo ás 11:42 (11 %) e terminará ás 12:39 horas. De feito, a costa herculina será o punto da península ibérica onde o fenómeno será máis perceptible.

As últimas eclipses parciais de Sol observadas en España producíronse en 2015 e 2017, mentres que en 2005 puido observarse de forma completa unha eclipse anular. Dentro de cinco anos haberá a posibilidade de ver unha eclipse total na península e só medio ano despois, outro anular. Con todo, Docobo advirte que é necesario seguir unhas medidas de segurida para observar o fenónemo, como non mirar o Sol con protección, non empregar prismáticos ou telescopios. Así, recoméndase o uso de lentes especiais ou cristais de soldadura "de máxima protección" que, en todo caso, só deben servir para observar o fenómeno durante escasos segundos.

Noticias web

09/06/2021