O Durán Maquinaria Ensino derrota o Baxi Ferrol na Malata
Quedaban dous segundos no derbi. O Baxi Ferrol perdía 63-66 e, outra vez, a táboa de Sandra Prieto deseñou a xogada mestra: Patri Cabrera empataba o choque sobre a bucina. Pero no tempo extra, o Durán Maquinaria Ensino controlou mellor as emocións e levou o partido: 70-77.
As departamentais perderon o encontro e perderon practicamente as opcións de permanencia. As matemáticas dan opcións, o calendario di que semella imposible: habería que gañar, polo menos, catro dos oito partidos que quedan.
O Durán Maquinaria Ensino levou o triunfo unha rotación moi curta, na que tres xogadoras disputaron máis de 40 minutos. Estreouse a italiana Marzia Tagliamento e destacaron O'Dwyer e Nyingifa. A irlandesa meteu 20 puntos e apañou 12 rebotes para un total de 30 de valoración. Ata os 35, iguala a mellor marca nesta liga, marchou Nyingifa: 26 puntos e 13 rexeitamentos. Pero nas capturas destacou Chatilla Van Grinsven: apañou 20, o récord desta temporada, que de nada lle serviron ao Baxi Ferrol.