CRTVG

Buscar

O dúo Biden-Harris lanza a campaña demócrata pola Casa Branca

Publicado o 13/08/2020 20:50

Foi a primeira aparición xuntos dos dous demócratas que unen forzas para botar a Donald Trump da Casa Branca. Joe Biden e Kamala Harris conxuráronse para librar o que cualificaron de batalla pola alma da nación e para sobrepoñerse á mensaxe de "eu ou o caos" en que insiste Trump.

Biden explicaba así a elección da primeira aspirante negra á vicepresidencia do país: "En todo o país, nenas negras e de cor talvez se viron por primeira vez do material de que están feitos os presidentes e os vicepresidentes".

Kamala Harris, candidata á vicepresidencia dos Estados Unidos, dicía que "estou lista para poñerme a traballar. E fágoo consciente de todas as mulleres heroicas e ambiciosas antes de min, cuxo sacrificio, decisión e resiliencia fixeron posible a miña presencia hoxe aquí".

A irrupción de Harris disparou as doazóns para a campaña demócrata, e reforzou unha tendenza que desde hai semanas xa viña colocando a Joe Biden como gañador nos comicios do 3 de novembro. Con Harris, os demócratas aspiran a consolidar o voto negro e o feminino: de feito, sería a primeira muller en ocupar o segundo cargo máis importante do país.

Ademais, a senadora é unha figura con boa prensa na facción máis moderada do partido e, con 56 anos, aparece como un recambio viable para acompañar a quen sería o presidente máis vello na historia da democracia estadounidense.

Noticias web

13/08/2020