CRTVG

Buscar

O doutor Antonio Antela relátanos a súa experiencia como doente

Publicado o 04/04/2020 14:01

Así saudabamos a Antonio Antela o 15 de marzo: "Grazas por atender a Televisión de Galicia".

A experiencia deste especialista en enfermidades infecciosas axudounos a entender as claves do coronavirus cando comezaba a estenderse. Días despois desa conversa o doutor Antela coñecía o seu positivo.

"A primeira semana foi moi mala. Tose continua e febre alta que non cedía, e dores musculares que me impedían durmir. Ao sétimo día pensaba que non sairía", lembra.

Está xa moito mellor, pero recoñece que aínda lle faltan forzas. Traballa dende a casa revisando protocolos e ensaios clínicos que melloren a atención hospitalaria. Cre que faltou protección para os profesionais, que seguen sumando contaxios.

"Debe servir de lección para que non volva acontecer no futuro", di Antonio Antenla.

Considera, con todo, que o virus está entrando nunha nova fase.

"Aqueles pacientes que están peor e que requiren de ingreso, estamos vendo que se está reducindo o número de ingresos e isto é moi importante. Porque é o que pon en risco o sistema sanitario", explica.

Así que tomen apuntamentos do seu prognóstico...

"Se teño razón a finais de abril a situación aliviarase moito. Agardo estar aí para velo", prognostica.

Que así sexa.

Noticias web

04/04/2020