O dono dun bar do Grove enfróntase a un veciño que ameazaba uns mozos con dúas pistolas simuladas
O dono dun bar do Grove enfrontouse a un veciño que ameazou con dúas armas simuladas dous mozos que estaban na súa terraza. O home ten unha orde de afastamento do local e está en liberdade á espera de xuízo, acusado dun delito grave de ameazas. Ao parecer, un dos mozos e o detido xa tiñan desavinzas desde hai tempo.
Santiago plantouse diante dun veciño da vila cando o apuntaba con dúas armas á altura da cara. Di que no momento non o pensou. O home, de 53 anos, é un dos coñecidos que frecuenta os bares da vila. Ameazou de morte dous mozos que estaban na terraza, foi á casa e volveu coas dúas pistolas. En cuestión de segundos, a rúa e o bar quedaron baleiros.
Santiago Domínguez, dono do bar: "Díxenlles aos mozos: 'Entrade rápido, metédevos no cuarto de baño'. Toda a xente que estaba na rúa escapou. Quedei fóra con el prohibinlle a entrada no bar, e el dicía: 'Que saia, que o vou encher de chumbo'. Eu díxenlle que non entraba nin saía ninguén. 'Ti non tes que vir ao meu bar facer balbordo, marcha'. Despois dun anaco discutindo con el, conseguín que se fora".
Santiago chamou a Policía Local e a Garda Civil, o individuo xa se refuxiara na súa casa, que está preto do bar. Os axentes desprazáronse á súa vivenda, detiveron o home e requisáronlle as armas. Horas máis tarde prestou declaración no Xulgado de Cambados por un delito de ameazas graves e quedou en liberdade á espera de xuízo. A xuíza ditou unha orde de afastamento durante seis meses que lle prohibe a entrada no bar T7.
Santiago Domínguez, dono do bar: "Ameazoume a min dicindo que era tan cómplice como os rapaces por defendelos. Apuntoume coas pistolas, conseguín que se fora sen máis. Ninguén lle levantou a man a ninguén, non chegou a máis. Estaba aquí ameazando a berros con que vai matar unha persoa, a miña reacción foi defender o rapaz. Eu con el non tiven nada, el non tiña porque facerme nada. As ameazas eran para outra persoa e defendina".
A situación provocou un enorme balbordo na rúa, porque as pistolas empregadas tiñan unha aparencia moi similar á dunha arma real, aínda que eran case de xoguete.