CRTVG

Buscar

O dono dos cans do ataque á muller de Covelo, investigado pola vía penal

Publicado o 06/11/2017 13:51

Unha muller de 82 anos quedou sen as dúas pernas tras o ataque dos cans do veciño. Tiveron que amputarllas de xeonllo para abaixo do gravísimas que foron as mordeduras. 

A casa do dono dos dous cans permanecía pechada esta mañá. Está a ser investigado pola vía penal por un delito de lesións graves por imprudencia grave. Ademais, abríronselle varios expedientes administrativos, xa que os cans non tiñan microchip, nin cartilla sanitaria, nin estaban inscritos no rexistro de animais potencialmente perigosos. Ademais, carecían de seguro de responsabilidade civil. O home, de 43 anos, xa pasou polo cuartel da Garda Civil de Covelo, onde o informaron da súa situación.

A muller, de 82 anos, segue ingresada en estado moi grave no hospital Álvaro Cunqueiro. Tiveron que amputarlle as dúas pernas dende os xeonllos e tamén sufriu mancaduras graves na cabeza. Os dous cans do seu veciño atacárona no camiño cando regresaba á súa casa dende a igrexa.

Os dous cans xa foron trasladados a un centro de acollida e protección. O caso está agora en mans do Xulgado de Instrución número dous de Ponteareas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/11/2017