O domingo comeza en Galicia a vacinación de menores de cincuenta anos
• As primeiras citacións serán da área sanitaria de Santiago
• Recibirán a vacina de Pfizer, Moderna ou Janssen
O Servizo Galego de Saúde comezará a vacinación do grupo de 40 a 49 anos este domingo na área de Santiago de Compostela. A inmunización deste colectivo está programada, de xeito xeral, a partir do 7 de xuño.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo lembrou que neste treito de idade, ademais de Pfizer e Moderna, administrarase a vacina de Janssen, que só precisa unha dose. Desta marca, Galicia recibe 14.000 unidades á semana.
Segundo Alberto Núñez Feijóo, a comunidade ten case o 30 % da poboación inmunizada coa pauta completa e o 52 % conta con, polo menos, unha dose.
De acordo cos datos facilitados polo presidente galego, esta semana administraranse 210.000 vacinas, das que 120.000 son primeiras doses. Ademais, esta fin de semana o Sergas prevé finalizar coa inmunización do grupo que vai dos 50 aos 59 anos.
Sobre a situación epidemiolóxica, asegurou que segue sendo boa e con "tendencia á baixa", polo que agarda que se poidan seguir aliviando as restricións nos vindeiros días.