CRTVG

Buscar

O DOG publica o alivio nas restricións en oito concellos e o peche perimetral de Moaña

Publicado o 25/11/2020 21:00

• Consulta os cambios no Diario Oficial de Galicia

Sanidade decretou as máximas restricións para Moaña para reducir a crecente incidencia do virus no concello. Ten 474 casos por cen mil habitantes. Ainda que estas medidas se aplican de xeito xeral por un mínimo de catro semanas, o conselleiro de Sanidade explicou que se a situación mellorase moito poderían levantarse antes das celebracións de Nadal.

De momento e a partir desta medianoite deberá pechar a hostalaría, quedan prohibidas as reunións de persoas que non vivan no mesmo domicilio e non se poderá saír ou entrar do concello sen causa xustificada. Moaña terá peche perimetral en solitario á marxe do concello veciño de Cangas, que ten a mesma medida. Tratase, din as autoridades, de reducir a incidencia do virus en Moaña sen poñer en perigo a melloría que xa está mostrando Cangas. Ainda que iso é un trastorno para a veciñanza.

Vixilancia sobre Ribeira e outros catro concellos

Son aqueles en que segue aumentando a incidencia do virus de xeito preocupante. Son os concellos ourensáns da Rúa e Petín, o pontevedrés da Lama e os coruñeses de Dumbría e de Ribeira. E ainda que xa ten as restricións máis duras, o comité clínico móstrase moi preocupado pola evolución do concello de Pontevedra. É a única das sete grandes cidades en que non se está reducindo a incidencia do virus coas restricións.

Alivio de restricións en oito concellos

Monforte prepárase xa para saír do nivel máximo de restricións pola covid−19. Igual ca noutros sete concellos galegos vaise poder entrar e sair a partir da vindeira medianoite coa supresión do peche perimetral. Os outros beneficiados son Verín, Coles, Amoeiro, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra e Campo Lameiro. Os veciños non ocultan a súa satisfacción.

A medida foi aprobada logo da boa evolución dos datos de contaxios nestas zonas. Os hostaleiros son sen dúbida os grandes beneficiados, xa que poderán reabrir os seus negocios.

Iso si, abrirán coas restricións de ocupación decretadas. Nestes oito concellos volven estar autorizadas ademais as xuntanzas con no conviventes.

Noticias web

25/11/2020