O DOG publica a convocatoria da Xunta para cubrir 1.006 prazas de acceso libre

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a Oferta de Emprego Público (OEP) da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2021, que esgota a taxa de reposición marcada polo Estado e inclúe un total de 1.006 prazas de acceso libre.
Tamén se ofertan 322 prazas para a promoción interna do persoal funcionario e 163 prazas para continuar co proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Xunta. En total, a oferta na Administración Xeral ascende a 1.491 prazas.
O maior número de postos de acceso libre concéntrase na escala de auxiliares de clínica, con 140 prazas. Séguena a escala de axentes técnicos facultativos, con 101 prazas na especialidade en xardín de infancia, e a de técnicos facultativos, con 28 na especialidade de educadores ou 19 na de enfermería.
Tamén se inclúen 46 prazas para a escala de enxeñeiros técnicos, 45 prazas na escala de enxeñeiros, 34 para a escala de ciencias ou 13 prazas para a escala de xerocultor.
En canto ao campo administrativo, destacan 77 prazas para o corpo superior (A1), 79 para o corpo de xestión (A2), 51 para o corpo administrativo (C1), 62 para o corpo auxiliar (C2) e 47 prazas para a agrupación profesional de persoal subalterno (AP).