CRTVG

Buscar

O DOG publica a convocatoria de pediatras en Verín e Valdeorras

Publicado o 20/01/2020 12:44

• O PP celebra a reapertura da sala de partos e a oposición pide cesamentos

O DOG publica a convocatoria de pediatras en Verín e Valdeorras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este luns a convocatoria de dúas prazas de pediatría nos hospitais comarcais das localidades ourensás de Verín e Valdeorras.

O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Ruibal, asina esta resolución, pola que se dispoñen tres contratos de vinculación temporal co Servizo Galego de Saúde (Sergas) en calidade de interinos para especialistas na área de pediatría, que deberían desempeñar as súas funcións nos hospitais xa mencionados.

Os solicitantes destes postos deberán postularse nun prazo máximo de cinco días desde a data de hoxe.

Con esta oferta, o Goberno galego trata de atender a demanda de pediatras necesaria para reabrir a sala de partos e o servizo de urxencias pediátricas do Hospital Comarcal de Verín, así como asegurar o funcionamento de departamentos similares no centro hospitalario do Barco de Valdeorras.

O Sergas anunciou a fin de semana a súa intención de formalizar esta semana a contratación de dous pediatras para o hospital de Verín para reactivar a principios de febreiro a sala de partos, segundo dixo a xerente do distrito, Guillermina Agulla.

Nunha mensaxe de audio enviado aos medios de comunicación, Agulla indicou que é "moi optimista" ao ver que "todo o traballo" realizado e todos os pasos dados "fan posible que a próxima semana se poida formalizar a contratación de dous pediatras para atender aos acabados de nacer".

O PP celebra a reapertura da sala de partos, mentres a oposición demanda cesamentos

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, valorou este luns como unha "excelente noticia" que a Xunta estea en trámites para reabrir a sala de partos e o servizo de urxencias pediátricas do Hospital Comarcal de Verín, despois de pechar a primeira hai menos de dous meses.

En rolda de prensa, Puy manifestou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "no seu momento pediu desculpas" polo "problema de xestión" para "garantir a seguridade no momento do parto", motivo que esgrimiu para xustificar o peche practicado.

En calquera caso, o portavoz popular indicpou que a mellor solución pasa por "achegar o servizo á cidadanía" sempre que se dispoña dunhas condicións óptimas de seguridade, algo que tratan de lograr coa contratación de dous novos pediatras.

Mentres tanto, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "debería desculparse polo peche da sala de partos de Verín" e cesar "a todos os responsables da política sanitaria galega que foron partícipes" desa medida.

Para Caballero, a previsible reapertura deste servizo é "unha gran vitoria da maioría progresista" de Galicia, que "se mobilizou ao longo dos últimos meses de forma intensa" e obrigou a rectificar ao Goberno galego, a quen pediu que nos meses previos ás eleccións autonómicas "non faga máis dano á sanidade pública".

"Galicia non asume nin permite máis retrocesos na calidade da sanidade", advertiu o dirixente socialista, que desafiou con "manter toda a batalla aberta" para que a Xunta "non poida seguir desfacendo e danando" o sistema público.

Pola súa banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao aplaudiu a "vitoria clara" que supuxo que o PP "tivese que recuar" evidenciando que "cando a cidadanía se mobiliza conséguense vitorias contundentes".

Así mesmo, tamén reclamou o cesamento do responsable autonómico de sanidade debido a que "non é recibo que quen comete erros non asuma ningunha responsabilidade".

Á súa vez, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, felicitou os veciños de Verín por lograr o seu obxectivo tras obrigar a un PP "de mala gana" a reverter unha "decisión absolutamente impresentable".

Pontón considerou que todo este asunto "deixa ao descuberto a un Goberno e a un presidente" que utilizan "a mentira con absoluto descaro" e que, tras cambiar varias veces de escusa para xustificar o peche da sala de partos, atoparon dous pediatras "dun día para outro".

Todo iso levou a líder do BNG para sentenciar que Núñez Feijóo "non é unha persoa de fiar" en política sanitaria e sinalouno como o "máximo responsable político" deste caso.

De igual forma, desde o Grupo Mixto Luís Villares tamén se sumou á petición de cesamento do conselleiro que no caso do peche do  paritorio mostrou "malicia e notoria incompetencia".

Para Villares, a rectificación da Xunta debe ser entendida "como unha vitoria clara e rotunda contra os malos tratos sanitarios e o estrangulamento do rural" enmarcada na "toleada carreira de recortes sanitarios" aplicada pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo.