CRTVG

Buscar

O DOG publica a convocatoria para cubrir 323 prazas de emprego público

Publicado o 04/03/2019 11:56
O DOG publica a convocatoria para cubrir 323 prazas de emprego público

A Xunta convocou a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) as oposicións para cubrir 323 prazas de emprego público, das que 269 se corresponden co Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e outras 54 prazas son para catro escalas distintas no ámbito da seguridade e a saúde no traballo.

En concreto, no Servizo contra Incendios hai convocatorias para tres categorías distintas: 114 prazas de bombeiro forestal, 80 prazas de bombeiro forestal-condutor de motobomba e 75 prazas de emisoristas-vixiantes. As tres convocatorias son de acceso libre a través del sistema de concurso-oposición, polo que se terán en conta os méritos de cada persoa. A titulación académica requerida para poder participar nestas oposicións será a de ESO ou equivalente. As persoas que aspiren a unha praza de bombeiro forestal-condutor motobomba deberán ter o carné de conducir C e B; e para unha praza de bombeiro forestal é preciso o carné de conducir B. 

En canto a Seguridade e Saúde no Traballo e Saúde Laboral, no subgrupo A1, convócanse 10 prazas para escala superior de saúde laboral e 21 na escala superior de seguridade e saúde no traballo nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada. No subgrupo A2 hai 4 prazas na escala técnica de saúde laboral e 19 prazas na escala técnica de seguridade e saúde no traballo nas especialidades de seguridade no traballo e hixiene industrial. En todos estes casos, o sistema selectivo será tamén o de concurso-oposición.

Noticias web

04/03/2019