O DOG publica a ampliación do orzamento para o segundo plan de rescate

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres unha ampliación no orzamento do segundo plan de rescate activado o pasado mes de febreiro pola Xunta para achegar liquidez a persoas autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros afectados polos peches por mor da pandemia.
O Goberno autonómico engádelle 21 millóns de euros ao orzamento do segundo plan, que inicialmente contaba con 75 millóns de euros, o que supón un aumento do 28 %. O obxectivo deste incremento "é poder chegar, como xa se fixo co primeiro plan, á práctica totalidade das solicitudes que cumpran os requisitos", asegura a Xunta nun comunicado.
Na actualidade, a Administración galega está a completar os pagos do segundo plan de rescate, e xa aboou o 90 % do presuposto inicial (66 millóns de euros dos 75 totais), segundo indica a mesma fonte.
Terceiro plan de rescate
Ademais, informa de que o Goberno galego xa ten avanzado o deseño do terceiro plan de rescate, "que prevé activar cos 234 millóns comprometidos polo Goberno central para Galicia".
"En consenso cos integrantes do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego autónomo, o Goberno galego quere seguir aplicando o que xa está a funcionar: que as axudas cheguen a todas as empresas con baixada na facturación, sen limitalas a determinadas actividades económicas como pretende o Estado", subliña.
Engade que "se avogará por simplificar o procedemento previsto no real decreto do Goberno, que sobrecarga de burocracia tanto os empresarios como as comunidades autónomas que xestionarán os cartos" e que, co fin de pagar canto antes os incentivos, "estanse buscando fórmulas que permitan anticipar o 80 % das axudas simplemente mediante declaración responsable por parte dos solicitantes".
"O Goberno galego espera que o Estado sexa receptivo coas peticións de Galicia, debido a que só busca que as axudas cheguen canto antes a todos os sectores que o necesitan", engade a nota.
Axudas "insuficientes"
O Executivo autonómico considera "insuficientes" os 234 millóns de euros que lle concedeu o Estado, xa que o importe máximo da axuda pode chegar ata os 200.000 euros para as grandes empresas. Pensa que con esta contía os negocios autónomos e as pemes poden verse prexudicadas ou absorbidas na distribución.