O DOG aclara que o certificado covid non será necesario nas terrazas do ocio nocturno

EP
A inclusión da obrigatoriedade de exhibir o certificado covid para acceder a locais de lecer nocturno, que entra en vigor esta fin de semana en toda Galicia e para todos os establecementos, presenta unha excepción con respecto ás terrazas. Todos os locais poderán ter o 100 % de ocupación tanto en interiores como en exteriores.
O Diario Oficial de Galicia (DOG), na súa edición bis deste venres, publicado ao fío das 20,00 horas, establece que a medida preventiva (que foi autorizada este venres polo TSXG) "non será necesaria para a prestación de servizo en terrazas situadas no exterior, cando para o acceso a elas non sexa precisa a circulación polo interior do local".
Segundo recolle o protocolo de actividade do lecer nocturno actualizado no DOG bis, que se publica na xornada na que quedou levantado o estado de emerxencia sanitaria en Galicia, esta medida de seguridade (o certificado) adóptase "como condición para permitir a ampliación das capacidades máximas e horarios dos establecementos de lecer nocturno, atendida a situación epidemiolóxica actual". "Constituíndo unha medida menos gravosa para a consecución do fin proposto de saúde pública con igual eficacia que impedir as indicadas ampliacións", argumenta.
Volven as barras dos bares con usos diferenciados
A Xunta establece a obrigatoriedade de que as barras "non poidan compatibilizar diferentes usos", polo que "haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona da barra para o persoal". E engade unha recomendación: que os clientes "manteñan a máscara "correctamente colocada" nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co traballador.
A reapertura das barras de bar é unha das principais novidades para a hostalería xunto coa ocupación do 100 por cen. O sector mantén vixente o plan de hostalería segura do 14 de setembro deste ano e que establece limitacións nos grupos máximos por mesa: dez persoas en interior e 20 no exterior