CRTVG

Buscar

O divorcio de En Marea precipítase a menos de dous meses das eleccións xerais

Publicado o 17/02/2019 21:05

Anova, Podemos e Esquerda Unida dialogan para reeditar a coalición o 28 de abril á marxe do partido instrumental. Mentres, a dirección do partido, liderada por Luís Villares, abriu xa o proceso para presentarse como partido e en solitario. Este domingo, o alcalde de Santiago facía un chamamento á unidade.

Presentáronse como unha única candidatura nas xerais do 2015 e repetiron no 2016. Salvo sopresa de ultima hora, a segunda forza política no Parlamento galego concorrerá en abril dividida en dúas opcións electorais que competirán nas urnas: En Marea como partido e Podemos, Anova e Esquerda Unida baixo unha coalición. O alcalde de Santiago, que na última etapa defendeu unha posición crítica coa dirección de Luís Villares, chama á unidade, pero hoxe asegura que a súa prioridade está en Compostela Aberta e no ámbito local.

Nas vindeiras semanas, as tres forzas, Podemos, Anova e Esquerda Unida, deberán artellar a súa coalición, elixir os seus candidatos e mesmo acordar un nome, pois a marca En Marea non lles pertence. Con todo, a dirección do partido instrumental non dá aínda por feita a ruptura. Luís Villares avanzou que ten previsto reunirse nos proximos días co líder de Podemos en Galicia, Gómez-Reino, e insistiu en que as primarias para a elaboración das listas non exclúen a ninguén.

Despois de tres anos de convivencia, coa votación das emendas á totalidade dos orzamentos volveron rexurdir as tensións vividas no proceso de renovación da dirección. O adianto electoral parece acelar a fractura que xa era evidente para as europeas e as municipais.

Noticias web

17/02/2019