CRTVG

Buscar

O director do CNI cesa este venres e o Goberno non pode substituilo por estar en funcións

Publicado o 05/07/2019 09:37
O director do CNI cesa este venres e o Goberno non pode substituilo por estar en funcións

O director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán, finalizará o seu mandato este venres sen que o Goberno poida nomear ao seu substituto por estar en funcións desde a celebración das eleccións xerais do 28 de abril.

O xeneral Sanz Roldán foi nomeado director do CNI, con rango de secretario de Estado, en xullo de 2009 polo Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero. Cinco anos despois, en 2014, foi renovado no cargo xa co 'popular' Mariano Rajoy na Moncloa, e máis recentemente por Margarita Robles coa remuda no Executivo tras a moción de censura que que lle deu o goberno a Pedro Sánchez. Este mandato vence este venres despois de dez anos á fronte do centro de intelixencia e o xeneral Sanz Roldán, de 74 anos, non pode continuar de forma interina no cargo ata que sexa nomeado o seu substituto, segundo a lei que regula o organismo.

Con iso, o CNI quedará en mans da súa secretaria xeral, Paz Esteban, 'número dous' de Sanz Roldán desde xuño de 2017. O novo director non poderá ser nomeado por Consello de Ministros ata a toma de posesión dun novo Executivo.

O Goberno non pode nomear nin cesar

A lei de Goberno establece que un Executivo en funcións limitará a súa xestión "ao despacho ordinario dos asuntos públicos, absténdose de adoptar, salvo casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral cuxa acreditación expresa así o xustifique, calquera outras medidas". Isto implica que o actual equipo de Pedro Sánchez non pode nomear nin cesar altos cargos, o que afecta tanto o director do CNI como a outros postos pendentes. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/07/2019