CRTVG

Buscar

A Revista FDS

O director de orixe galega Beda Docampo estrea en Bos Aires un filme sobre a vida do papa Francisco

Publicado o 12/09/2015 13:57

O director galego-arxentino Beda Docampo Feijóo presentou en Bos Aires o seu novo filme, titulado 'Francisco. El padre Jorge'. A película repasa a vida do papa Francisco, dende a súa adolescencia ata que foi nomeado como máximo representante da Igrexa católica en 2013.

Moita espectación na estrea do primeiro filme que retrata a vida como home do Papa Francisco. O gran Darío Grandinetti é o encargado de darlle vida ao Santo Pai na gran pantalla, para o que tivo a oportunidade de conversar, brevemente, co propio Bergoglio.

"En realidade, para poder preguntarlle as cousas que eu quería saber precisaría dúas ou tres horas, e xa sabía que non as ía ter con el a soas", comenta o actor.

O artífice do proxecto, o director nado en Vigo, Beda Docampo Feijóo, asegura que a película vai máis aló da relixión para achegarlle ao público o ser humano.

"O papa que vemos agora é a continuación do que xa facía Bergoglio, e que nós non coñeciamos", di o director do filme.

Pese a quen tachan o filme de compracente, o director asegura que tras realizar unha investigación concienciuda, non atopou lados escuros na traxectoria do pontífice.

O papa Francisco aínda non se pronunciou sobre o filme, aínda que tanto o director como os actores consideran que lle gustará, pois reflicte fielmente quen é Jorge Bergoglio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista FDS

12/09/2015