CRTVG

Buscar

O diésel subirá catro céntimos en xaneiro coa alza de impostos remitida a Bruxelas

Publicado o 02/05/2019 20:21

O Goberno de Pedro Sánchez prevé aumentar en 26.000 millóns de euros a recadación por impostos nos próximos catro anos, así llo comunicaron á Comisión Europea. Dende o Partido Popular e Ciudadanos critican o plan mentres que o PSOE e Unidas Podemos defenden o seu carácter social.

Para recadar eses 26.000 millóns máis en impostos, o executivo, por un lado, confía en que o crecemento económico beneficie as arcas do Estado, pero tamén inclúe novas taxas que comezarían a aplicarse o ano que vén: ao diésel, ás nóminas máis altas ou ás grandes empresas. Tamén pagaremos máis polo papelame coas administracións. Pola contra, prevé desgravacións para fomentar a igualdade. O plan de estabilidade enviado a Bruxelas non convence a Ciudadanos, que o cualifica de "sabrazo ás clases medias".

No PP, Pablo Casado vai pedirlle explicacións a Sánchez no encontro que manterán o próximo luns en Moncloa. Para os socialistas, estes impostos son de xustiza porque gravan os que máis gañan, din.

Dende Podemos, pídenlle ao goberno que defenda os traballadores e que esixa ás multinacionais que paguen impostos.

O PsdeG apoia a política de impostos

O PSdeG sae ao paso das críticas sobre a política de impostos. O secretario xeral, Gonzalo Caballero, di que Ciudadanos e o PP xogan ao descoido tras os resultados das eleccións pasadas. Asegura que a axenda política do seu partido é a de impulsar o proxecto socialista. 

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG: "Eu creo que os cidadáns falaron con moita claridade. Queremos un proxecto socialista para España, e tamén nós, desde aquí, para Galicia. E esa é a axenda política que temos. O demais é xogar a despistar dos que están aínda patexando porque non lles deron as contas o domingo".

Os condutores cren excesiva a suba do diésel 

Os condutores galegos notaron no seu peto o aumento do prezo do diésel á hora de botar combustible. Algo que xerou o enfado de moitos deles. Afirman que o aumento se produce, sobre todo, cando hai algunha ponte festiva. Galicia é unha das comunidades onde hai máis condutores afectados, posto que hai case un millón de automóbiles que empregan este carburante. O diésel chegará a equipararse ao prezo da gasolina e a partir de 2020 subirá case 4 céntimos o litro. Un coche cun depósito de 50 litros notará un incremento de 2 euros á hora de botar gasóleo. Os condutores máis enfadados con esta suba son os que empregan o coche para desprazarse ao seu centro de traballo e os comerciais.

Noticias web

02/05/2019