CRTVG

Buscar

O Día Internacional da Muller celébrase dende 1975

Publicado o 08/03/2018 20:53

A ONU declarou Día Internacional da Muller o oito de marzo en 1975. O porqué comeza dende moi atrás, en 1857. Distintos movementos sucedéronse desde entón. Hoxe coñecemos mellor como comezou esta loita no dereito das mulleres e vemos as reaccións nalgúns países do mundo.

En 1857 as mulleres dixeron basta. Un grupo de traballadoras do sector téxtil, en plena revolución industrial, saíron ás rúas de Nova York a protestar polas míseras condicións salariais. Desde entón, sucedéronse diferentes movementos, ata chegar ao punto de inflexión na loita no dereito das mulleres marcado por este momento.

O 24 de outubro de 1975, o 90% das islandesas decidiron non ir traballar. Paralizaron o país. Nunha multitudinaria manifestación tomaron as rúas e abriron o camiño á igualdade. Cinco anos máis tarde da folga, Islandia escollía a primeira muller presidenta elixida democraticamente. Ademais, foi o primeiro país en aprobar unha lei que obriga a equiparar soldos entre homes e mulleres. 

Hoxe, a loita por esta igualdade estivo presente en distintos países do mundo. En París, na Praza da República. En Diyarbakir, no suroeste de Turquía. Na capital de Corea do Sur, Seúl, baixo o lema do movemento 'Eu tamén' contra o acoso sexual. En Rusia, os paracaidistas do exército aterraban na rúa para agasallar con flores as mulleres no seu día, o oito de marzo.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018