CRTVG

Buscar

As profesionais da enfermería reivindican o factor humano da atención sanitaria no día internacional deste colectivo

Publicado o 12/05/2021 15:09

Alimentan, acarician, exercitan, vacinan e, por suposto, curan. As profesionais da enfermería celebran hoxe o seu día, e fano afrontando un futuro cheo de retos, pero sobre todo reivindicando o factor humano imprescindible para desenvolver este traballo vocacional.

"Por suposto moitos coñecementos de coidados, pero tes que desprender esa parte de humanidade que quizais noutras categorías non é tan evidente, pero hai que pensar que nós estamos 24 horas ao pé das camas", di Victoria Carral, responsable de enfermería da área sanitaria de Santiago e A Barbanza.

De feito, son o colectivo con máis contaxios de coronavirus, e levan para a casa unha carga emocional que ás veces pesa. O Día Internacional da Enfermería celébrase nos hospitais e centros de saúde galegos con xornadas formativas, como a que haberá en Santiago, con homenaxes a pacientes e profesionais, como elixiron facer en Ourense, e tamén con aplausos, como na Coruña, emulando os que, xa case un ano, estouparon nos balcóns para agradecer o labor do persoal sanitario.

"Ías pola rúa e caíanche as bágoas porque vías a xente nos balcóns e tes un revulsivo interior", lembra Victoria. Un revulsivo que agora quizais botan de menos, porque ninguén mellor que elas, que son máis da metade de todo o persoal que traballa na sanidade, sabe que aínda non hai motivos para baixar a garda. Por iso esta profesional pide encarecidamente que a xente "se coide e tamén nos coide a nós, porque as UCI énsenche de novo rapidamente, e este virus mata".











 

Noticias web

12/05/2021