CRTVG

Buscar

O Día dos Museos invita a recuperar e reimaxinar

Publicado o 18/05/2021 21:13

"Boa tarde. Benvidas e benvidos a esta visita en liña á Cidade da Cultura".

Así comezaba a visita comentada á exposición 'Faraón. Rei de Exipto'. A transformación dixital dos museos foi obrigada, pero agora é xa imparable.

En febreiro pasado, visitamos en liña á mostra 'As miradas de Isaac'. As exposicións virtuais multiplicáronse e multiplicaron o seu público, que atopou nelas ese respiro que dá a cultura para loitar contra a incerteza.

Hai un ano empezaban os museos a reabrir timidamente as súas portas, pero as salas medio baleiras descubrían unha nova realidade de silencio. Vemos o Museo de Pontevedra en xaneiro, acabada de facer oficial a compra dos orixinais do 'Nós' de Castelao.

Apareceu nestes espazos a nostalxia dos grupos de turistas e de escolares coma os que vemos no Arqueolóxico de Ourense tal día coma hoxe hai dous anos, ou hai seis anos na Coruña, Aquarium Finisterrae.

Ante este presente, o lema deste Día Internacional dos Museos é 'O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar'.

O gran reto é a reconexión co público. Reimaxinar noites coma a que vemos de prepandemia no Museo Provincial de Lugo, reimaxinar días non tan afastados no Museo do Mar de Vigo.

Imponse agora o reto de recuperar estes espazos como lugares de encontro, de contemplación e para a aprendizaxe. A programación virtual promete seguir crecendo, pero iso, din nos museos, non implica que o dixital vaia substituír a experiencia do presencial.

Co tempo poderemos mirar máis e mellor en liña, pero a tarefa é xa traballar para que o público volva encher as salas e para que admirar unha obra cara a cara non pareza cousa do pasado.

Noticias web

18/05/2021