O día despois en Betanzos do San Roque sen globo
Esta mañá semellaba a dun luns calquera en Betanzos. En vez de falar de como subiu e onde iría parar o globo de papel que se lanzaría a noite do día grande das festas, as emocións hoxe estaban máis vencelladas á tristeza.
Algúns mesmo nos dixeron que choraran de non ver a praza coma sempre. Con ánimo apagado vivírono e non só os propios betanceiros e betanceiras.
"Mal, pero que lle imos facer, Non queda outro remedio, non? Sempre está cheo de xente isto, pero este ano, nada", coméntannos na rúa.
"Está ben que non o lanzaran. É o que toca agora pola pandemia. Pero, si que da moita pena. Haberá que agardar ao que vén cando se poida facer...".
"É unha pena moi grande, pero que lle imos facer. Debido á situación que temos, pois, probablemente fora mellor que se suspendera a que chegaramos a ter unha maior cantidade de contaxios".
O ambiente era apagado hoxe tamén na zona da Ribeira, onde a mediodía hai un ano estarían empezando os preparativos das embarcacións para saír coa primeira xira dos Caneiros.
"[O día dos Caneiros] todo o persoal estaba moi alegre, con ganas de marcha e veña folclore... pero non pode ser", dinnos.
"O ambiente que hai na vila, todo, está como máis triste. E por riba, con estes días tan anubrados, tan tristóns... Pero tocou así e xa está; gardando as ganas para o ano que vén".
Como medida preventiva da propagación da covid-19, o Concello de Betanzos tamén suspendeu a feira dominical de onte. E a festa na rúa limitouse a algunhas actuacións musicais.