CRTVG

Buscar

Un de cada cinco nenos e adolescentes ten algún trastorno mental

Publicado o 10/10/2018 20:15

Hoxe é o Día Mundial da Saúde Mental, este ano centrado na mocidade e nos problemas que presenta. As asociacións que agrupan pacientes e familiares aproveitan esta xornada para reivindicar a necesidade de que a saúde mental dos máis novos estea na axenda política para tratar de evitar que os trastornos mentais sexan a primeira causa de discapacidade en 2030, como advirte a Organización Mundial da Saúde.

Coa asociación A Creba visitamos un instituto de Noia. Uns sesenta alumnos van participar dun xogo. Rapaces e adolescentes coma eles son os destinatarios desta campaña.

Susana Domínguez Pérez, da asociación A Creba: "Estamos vendo que cada vez hai máis influencia externa nas enfermidades mentais dos rapaces, e empezan moitísimo máis novos. Especialmente con acosos, abusos, adicción aos xogos, adicción ás drogas".

Aos estudantes preséntanselles unhas condutas e deben identificar as positivas e as negativas, e no seu caso atopar o seu oposto, ao tempo que se lles explica que algunhas desas condutas poden ser síntomas dunha enfermidade ou que poden derivar nela.

"Por exemplo, depresión, podes quedar encerrado na casa e non facer nada, e non ter amigos, e é moi triste, non é plan".

Os expertos en saúde mental inciden na detección temperá e a intervención precoz para previr os problemas. E aínda que xogos coma este poden parecer inocentes, serven para que nenos e nenas tamén tomen consciencia.

"Aprendín cousas positivas como a controlar a agresividade, respectar os compañeiros".

Entre o 10 e o 20 por cento dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presenta síntomas antes dos 14 anos e en tres de cada catro casos vanse manifestar antes dos 24.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2018