CRTVG

Buscar

Sánchez comprométese a acelerar a axenda feminista do Goberno no 8-M sen manifestacións en Madrid

Publicado o 08/03/2021 15:43

O Goberno central tamén conmemorou a data cun acto institucional, no Ministerio de Igualdade. O Goberno de coalición celebra o oito de marzo con certas discrepancias entre os socios. A primeira delas, sobre a prohibición das manifestacións aquí na capital de España. Para os socialistas, unha medida necesaria para preservar a saúde; para Podemos, unha decisión que acata pero que, consideran, criminaliza as feministas.

Tamén hai tensión coa futura lei trans. Os de Iglesias piden acelerar a súa tramitación, mentres os socialistas prefiren dedicarlle tempo.  

O presidente comprométese a acelerar a axenda feminista, pero dáse a lexislatura de marxe, descartando así un adianto das eleccións. 

Dende o Partido Popular critican a acción do Goberno en políticas para a muller. E engaden que os populares non admiten etiquetas da esquerda.

O Tribunal Constitucional ratificou esta mesma mañá a prohibición de celebrar manifestacións e concentracións polo 8-M en Madrid. Recorreran os sindicatos UXT e Comisións, alegando que as concentracións que tiñan previstas de como máximo 250 persoas non implicaban un risco para a saúde pública.

O Constitucional admite a trámite o recurso de amparo, e sobre o fondo pronunciarase máis adiante, pero rexeita supender a decisión da Delegación do Goberno de prohibir manifestarse. Así que en Madrid unicamente se observan actos moi limitados e simbólicos.

Esta prohibición, para a Comisión 8-M Madrid é un ataque máis ás mulleres, tendo en conta que se autorizaron manifestacións en meses anteriores. Pide a dimisión do delegado do Goberno por prohibir unhas manifestacións que prepararan, din, con todas as medidas de seguridade.

Así as cousas: pequenas concentracións ante os centros de traballo e homenaxes ás mulleres que seguiron na primeira liña cando o mundo parou durante a pandemia.

Unhas concentracións máis numerosas si se están vendo no resto de España, en cidades como Valencia. Pamplona ou Barcelona, das máis numerosas, convocada polo sindicato de estudantes.

A manifestación da noite pasada na Cidade Condal rematou con pintadas e roturas de cristais en varios escaparates.

En Madrid a Policía Nacional investiga os estragos provocados en dous murais feministas.

 

 

 

 

 

Noticias web

08/03/2021