O detido en Santiago pola morte do seu sobriño permanece hospitalizado
As probas forenses conclúen que o pequeno tiña golpes superficiais no corpo e na cabeza, pero certifican que a morte foi por asfixia, pola oclusión das vías respiratorias.
Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Televisión de Galicia, cando os pais do pequeno chegaron á vivenda familiar o luns pola tarde, os avós estaban na horta e as irmás do cativo xogaban cunhas veciñas.
Ao non ver o pequeno e mais o tío, o pai decidiu subir á casa. Tivo que botar a porta abaixo. Escoitou ruídos no baño, pero a porta tamén estaba pechada e derribouna. Alí, segundo lle contou aos axentes, atopou o tío asfixiando o neno.
Conseguiu separar o meniño e un veciño levou o tío a outro cuarto. Os pais, que son sanitarios, intentaron reanimar o cativo, pero non foi posible.
Mentres, a policía detivo o tío, que estaba moi alterado, e levárono ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Os pais dixeron que o home, irmán da nai, tiña problemas psiquiátricos e que debeu de darlle unha crise.
O suposto responsable da morte do pequeno ingresou no hospital, onde permanece baixo vixilancia policial, á espera de que poida prestar declaración.