O desacordo coa patronal pola suba do SMI tensa o diálogo social
O acordo para subir o salario mínimo tensa as relacións entre Goberno e patronal. A CEOE e a ministra de Traballo acusáronse mutuamente de non quereren negociar. O gobernador do Banco de España alertou de que ese incremento de 15 euros mensuais pode prexudicar a contratación de mozos e maiores.
Pedro Sánchez, pola súa parte, quixo "celebrar que o Goberno de España lograra un acordo cos sindicatos para continuar na senda do aumento do salario mínimo interprofesional para poder chegar ata o 60% do salario medio".
Meta que chegará ao final da lexislatura. De momento son 15 euros máis de aquí a xaneiro e unha segunda suba sen concretar para o ano que vén. Pero o pacto, sen a rúbrica da patronal, deixa tocado o diálogo social. A ministra e a CEOE volvían intercambiar reproches.
Yolanda Díaz asegurou que "a ministra de Traballo e Economía Social estivo disposta a pactar por unha contía inferior á que hoxe temos. Por tanto, ás veces, non pactando, pérdese".
Pero Antonio Garamendi, presidente da CEOE, opina que "non me parece razoable dicir que non sentamos a negociar. Levamos moitos meses negociando e falándoo. Tamén podería dicir pola mesma razón que alguén sentou dicindo 'isto é así porque eu son o Goberno e fágoo'".
Comisións Obreiras lamenta a postura empresarial despois da inxección de cartos públicos para salvar empresas a través dos ERTE. Ao seu secretario xeral, Unai Sordo, non lle parece "de recibo" que "se regateen 15, 25, 50 euros no salario mínimo interprofesional. Non creo que sexa de recibo a postura da CEOE".
O Banco de España alerta dos efectos da suba na contratación de mozos ou maiores de 45 anos. O seu gobernador, Pablo Hernández de Cos, cre que "incrementos moderados do salario mínimo probablemente xeran efectos moderados negativos no emprego pero que poden ser máis relevantes para determinados colectivos que poden ser os de baixa produtividade".
Admite tamén De Cos que subir o salario mínimo axuda a reducir as desigualdades.