CRTVG

Buscar

Preocupa unha das coadas do volcán da Palma que arrastra unha masa de lava importante

Publicado o 10/10/2021 08:38
Preocupa unha das coadas do volcán da Palma que arrastra unha masa de lava importante

A coada de lava que avanza pola zona industrial do Callejón de la Gata en Los Llanos de Aridane, na illa da Palma, está a xerar preocupación. Trátase dunha masa de lava importante que xa arrasou un número reducido de casas, aínda que hai "tempo dabondo" se fose necesario para realizar unha evacuación.

O flanco norte do volcán de Cumbre Vieja, que entrou en erupción o día 19 de setembro, rexistrou un novo derrubamento nas últimas horas e provocou a emisión de coadas en varias direccións. Unha delas está a desprazar unha importante masa de lava.

A calidade do aire na illa segue sendo cualificada de regular, xa que pode ocasionar problemas ás persoas con dificultades respiratorias. As nubes de cinza manteñen semiparalizado o aeroporto da Palma, onde a compañía Vueling suspendeu de novo os voos.

As coadas de lava xa cobren 480 hectáreas, afectaron case mil trescentas infraestruturas e arrasaron ata o momento 1.186 casas. Seis mil persoas seguen desaloxadas das súas vivendas, moitas delas de xeito definitivo.

Noticias web

10/10/2021