CRTVG

Buscar

O derbi entre Lugo e Dépor non saca de pobre a ningún dos dous equipos

Publicado o 02/12/2019 16:35

Lugo e Deportivo acubíllanse baixo unha manta pequena. Dalles para tapar os pés, pero non a cabeza. Ou viceversa. Agora non encaixan, pero tampouco marcan. Os dous estragaron o pouco que crearon. A Manu Barreiroi fíxoselle enorme Dani Giménez na apertura. E a Mollejo, Cantero nunha peiteada con moita intención. Aketxe, desta volta falso nove, tamén estragou a súa. O partido acollía máis vontade que bó fútbol, momentos para un e para outro, intensidade, e nula pegada. O máis prexudicado, pola necesidade, o Deportivo.

Así foi tamén tralo lecer. A frenética aínda que ineficaz actividade de Mollejo, a resposta a xeito de obús do Lugo, dende lonxe, e por arriba o sempre atento Manu Barreiro á caza do balón aéreo para poñer en apretos a Dani Giménez. Foguetes, porén sen lume, coma este último de Koné para darlle a salva final a un partido que non deixou a ninguén para festas por moito derbi que fose.

O derbi non saca a ningún de pobre. O Lugo, polo menos, mantén a raia a zona da queima. O Deportivo, a seis da salvación, dá un paso máis cara á indixencia cada día que non gaña.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019