CRTVG

Buscar

O Lugo, habilitado; o Deportivo, noqueado

Publicado o 20/05/2019 20:09

O derbi da extrema necesidade rehabilitou o Lugo e deixou moi tocado o Deportivo. O equipo de Eloy Jiménez volveu acabar coa portería a cero. 

"Estamos nun momento alto de confianza, sobre todo defensivamente. Estamos facendo as cousas ben e a xente está moi implicada no que ten que facer defensivamente. Recuperámonos pronto, xuntando liñas, a xente moi involucrada e coas ideas moi claras. O adestrador insiste moito nesa situación en defensa", dixo Carlos Pita, xogador do equipo lugués.

O Deportivo segue fóra dos postos de promoción. Dos equipos que loitan por eles é o que menos fortalezas exhibe no momento decisivo da temporada. 

"Este grupo xa estivo en situación crítica cando perdemos os partidos de Estremadura, de Majadahonda na casa. Estabamos a cinco ou seis puntos da promoción. Está claro que non é a situación que nos gustaría. Imos pasar unha semana longa e dura ata o luns, que xogamos con Mallorca", confesou o deportivista Álex Bergantiños.

Tres partidos quedan ata o final. O Deportivo, a dous puntos da promoción, recibe dentro dunha semana o Mallorca, rival directo. O Lugo tamén ten partido o vindeiro domingo contra un equipo da súa zona: o Estremadura.

"Temos que pensar en nós, sen centrarse nos demais. Facer os deberes e, se logo chegan os resultados dos demais equipos, moito mellor. Eu quero conseguilo o antes posible. Isto ata finais de temporada pode darnos algo a algún", declarou Eloy Jiménez, técnico do Lugo.

"Se gañamos ao Mallorca, todo estará moitísimo máis preto. O obxectivo debe ser ese: tentar gañar os tres partidos que quedan", asegurou o adestrador do Deportivo, José Luis Martí.

A semana que vén é decisiva para o Deportivo, que elixirá o martes os membros do próximo Consello de Administración.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/05/2019